Tuesday 14 de May de 2024

A sala de exposicións de Brión acolle ata o 8 de xuño unha mostra de 19 obras dun dos grandes da pintura galega: José María Barreiro


“Barreiro: o mar de Ons dende os altos de Santa María de Cela” recolle unha selección das distintas etapas deste prestixioso pintor e inclúe un óleo non exposto ata o momento: “A festa en Joy Eslava”

A sala municipal de exposicións do Concello de Brión quedou moi pequena para acoller aos máis de cen persoas que se congregaron para asistiren á inauguración da mostra “Barreiro: o mar de Ons dende os altos de Santa María de Cela”. Unha exposición que recolle 19 obras dun dos grandes pintores da pintura galega, que escolleu este evento para presentar en sociedade a súa última obra: “A festa en Joy Eslava”, un óleo sobre tea de 100×100 cm que non fora exposto ata o de agora.

José María Barreiro estivo acompañado na inauguración polo alcalde de Brión, José Luís García; polo técnico de Cultura, Alberto Álvarez; e por numerosas personalidades do mundo da cultura galega como o escritor Alberto Barciela; o director da Biblioteca de Galicia, Daniel Buján; a historiadora do arte e comisaria de exposicións Pilar Corredoira; e numerosos pintores como Xosé Vizoso ou Xosé Vázquez Castro.

Unha afluencia que o artista de Forcarei agradeceu, se ben non quixo comentar nada sobre a exposición ou o seu traballo xa que “la obra debe hablar por sí sola. Y puede gustar o no gustar. Yo sólo espero que guste”. Unha obra sobre a que si falaron as persoas que o precederon no uso da palabra, como o alcalde brionés quen salientou que “a obra de Barreiro non responde só a unha forma de pintar, coa cor como base das súas obras, senón que responde tamén a un xeito de concibir a vida, a cultura, o país e o mundo en xeral dende o seu peitoril da súa xanela aló en Santa María de Cela”.

José Luís García aproveitou para agradecerlle a Barreiro a cesión dunha das súas obras para que servira como agasallo institucional para as autoridades de Castell Platja d´Aro nos pasados Encontros coa Arte, e desexou que “esta exposición sexa desfrutada por todas as persoas que a visiten. Non creo que poida ser cun viño fresco e un bo cocido, como sei que lle prestaría ao artista, pero estou seguro de que a degustaremos como o que é: o resultado de máis de medio século de traballo artístico e unha referencia identitaria do que é un dos pintores galegos máis recoñecibles no ámbito nacional e internacional”.

Libro

O escritor Alberto Barciela sumouse ao acto para salientar que “Barreiro chega á Carballeira de Santa Minia, ao val da Maía, para demostrar que Brión tense consolidado nestes últimos tempos como unha referencia do mundo da arte”. Barciela cualificou a mostra presentada como “unha exposición de reafirmación de Barreiro”, de quen salientou que “hoxe, 4 de maio de 2018, é unha data para recordar porque Barreiro tamén rematou un libro que será parte da historia da arte de Galicia”.

Finalmente, o técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez, destacou “a proxección internacional do artista, compatible coa fonda vinculación da súa pintura coa realidade histórica, social e económica de Galicia”. Neste sentido lembrou que Barreiro leva ás súas costas “máis de 300 exposicións ao longo de todo o mundo, demostrando sempre a súa forte personalidade no seu debuxo e a forza da súa cor. Unha ocasión única para ver en Brión unha selección deste gran artista”. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 8 de xuño, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Barreiro

José María Barreiro (1940. Forcarei – Pontevedra) é un dos grandes da pintura galega contemporánea. De personalidade inquieta e formación autodidacta, cultivou diversos xéneros ao longo da súa vida, sendo un dos pintores expresionistas máis sólidos de Galicia. Cun estilo de liña expresionista, a partir de modos moi franceses, ambienta os seus temas de orixe folclórico que trascenden nunha alegría cromática exultante, baseada nun debuxo solto e moi seguro, froito de numerosos bocetos e traballos previos.

Son moi coñecidas tanto as súas interpretacións de grupos de gaiteiros e temáticas musicais como os seus bodegóns. Tras unha vida na que percorreu cidades como París, Bos Aires, Chicago, Miami, Lisboa ou Caracas, afincouse en Santa María de Cela, dende cuxa fiestra atopa a inspiración para os cadros que compoñen a exposición que se inaugura mañá en Brión.